Descubrir o Parque Natural Monte Aloia a través de distintas rutas que terán lugar os martes pola mañá dos meses de xullo e agosto é o obxectivo dunha nova iniciativa que pon en marcha o Concello de Tui, a través da concellería de Turismo, para este verán.
Nesta ocasión brinda a oportunidade de vivir unha experiencia única que permitirá descubrir o Aloia en familia. Cada martes, dos meses de xullo e agosto, ás 10 h sairá dende a Oficina de Turismo, no Paseo da Corredoira, o tren turístico que levará ás persoas participantes até o Parque Natural, onde se realizará unha visita guiada por A Fada do Aloia. Trátase dunha actividade recomendada para toda a familia a partir dos 3 anos, xa que as rutas a realizar serán de dificultade doada cun percorrido máximo de 2,5 quilómetros. O regreso será de novo en tren turístico até o punto de partida onde a hora prevista de chegada será ás 13 h.
Realizaranse as rutas de Miradoiros-Muralla (martes 2 de xullo e 6 de agosto), Senda Botánica (martes 9), Muíños do Tripes (martes 16 de xullo e 20 de agosto), Poza de Cabanas (martes 23 de xullo e 27 de agosto) e Muíños do Deique (martes 30 de xullo e 13 de agosto).
As prazas ofertadas para cada xornada son limitadas. O prezo é de 6€ as persoas adultas e 4€ os nenos e nenas. As persoas interesadas deben inscribirse na Oficina de Turismo, no Paseo da Corredoira, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.
Este verán grazas a esta iniciativa do Concello de Tui poderase coñecer o Parque Natural Monte Aloia dun xeito diferente e divertido.