O Concello de Ponteareas solicita a colaboración da cidadanía para un uso responsable dos espazos e servizos públicos. En concreto das fontes públicas das que o Concello realiza o mantemento con tarefas de limpeza e arranxo e tamén con analíticas frecuentes e a colocación de sinalización de potabilidade para garantir a seguridade de todas as persoas.
Con frecuencia, salienta a concelleira Raquel Bautista, “atopamos fontes coa sinalización arrincada ou rota que non deixa comprobar se é ou non potable. Un feito de moita gravidade xa que atenta contra a saúde das persoas e que imposibilita que nos beneficiamos dun servizo tan importante como unha fonte pública”.
Raquel Bautista apela ao sentido de responsabilidade das persoas no coidado e vixilancia dos bens públicos e recorda que este tipo de incivismos supoñen sancións importantes. Tamén engade que fagamos todos vila e ante un feito que entrañe risco ou malas prácticas demos traslado á Policía Local que atenderá con discreción e preservando o anonimato das persoas colaboradoras.
Por último, Raquel Bautista adianta que traballan xa no primeiro inventario de fontes públicas.