A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia un programa de emprego nas oficinas que ten en Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo dirixido á inserción sociolaboral de persoas que están, ou poden estar, en risco de exclusión social, como é o caso das persoas con discapacidade.
Denominado Máis Emprego, e financiado por Fundación ”la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus no marco de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra a Pobreza 2021-2027, este programa está dirixido ao fomento da inclusión activa a través do trazado de itinerarios integrados de inserción sociolaboral. Dirixido a colectivos desfavorecidos, como é o caso das persoas con discapacidade, busca promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade.
Durante os cinco anos de duración, con finalización o 30 de setembro de 2029, salvo na oficina de Ferrol que ten data de remate o 31 decembro de 2027, por este programa terán que pasar 1.740 persoas con discapacidade ou incapacidade permanente total para a profesión habitual, 60 persoas por ano nas oficinas de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra e 70 persoas ao ano na oficina de Vigo. Cando remate, o programa ten recollido como meta a acadar que o 40% de participantes debe conseguir a incorporación laboral.