Parte de ti celebra o seu quinto ano e continúa dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna. Trátase dunha campaña impulsada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.
A presentación tivo lugar está mañá na Abadía do Pelouro, en Tui, e contou coas intervencións de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, e Ana Núñez, a tenente alcalde; da representante institucional do xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño, e alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal; da presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez; do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo e de Antía Vargas, Uxía Benlloch e Nuria Benlloch, as protagonistas da historia que abrirá a campaña e que levan a cabo o seu proxecto Las flores de Greta.
Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Nuria Benlloch, Uxía Benlloch e Antía Vargas de Las flores de Greta, un proxecto no cal traspasan os pigmentos naturais das follas e flores a tecidos de orixe orgánica mediante o ecoprint, un proceso artesanal que utiliza as cores da natureza creando pezas únicas cheas de vida.
Ademais da historia de Las flores de Greta (Gondomar) presentaranse ao longo da campaña outros proxectos como A tenda do avó (Redondela), La parabólica (O Porriño), Taller de Dulces Óscar Romero (Tui), Angulas Río Miño (Tomiño), La casa taller (A Guarda) , Lorena Luthier (Soutomaior), Papelier (Baiona) e Niño do corvo (O Rosal).