Os Premios D.O. Ribeiro capturan a esencia da rica tradición vinícola da rexión e a unha semana da celebración da gala de entrega destes galardóns, prevista para o día 27 de xuño, a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias, deu a coñecer dous dos seus galardóns máis prezados, Vida entre Vides, que este ano recaeu na Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, e Ribeiro en Nós, co que a entidade distinguirá á Asociación Galega de Enoloxía.
A gala terá como lema «Ribeiro: Brindando futuro», un lema que “captura a esencia do que representa o Ribeiro, facendo unha ponte entre o pasado e o futuro, e destacando a súa dedicación para ofrecer produtos de excelencia” e que reflicte “a rica tradición vinícola da rexión de Ribeiro, o seu compromiso coa calidade e a innovación, e a súa visión de futuro que se enfoca na sustentabilidade e a expansión global”, indicou Iglesias.