O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron esta mañá na reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para este ano. Este órgano, que está operativo desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na comunidade galega, co fin de sumar sinerxías e anticiparse aos lumes.
Trala reunión, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes incidiu na necesidade da implicación e da colaboración da sociedade extremando as precaucións e colaborando na denuncia de calquera actividade delituosa incendiaria contactando coas forzas e corpos de seguridade.
Na mesma liña, avogou pola coordinación entre as administracións na loita contra o lume e, deste xeito, a reunión de hoxe serve precisamente para abordar o dispositivo integrado por máis de 7.000 efectivos ante o comezo da tempada de alto risco de incendios o próximo 1 de xullo.
Equipo humano e plan de formación referente en España
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recordou as principais novidades que se implantarán ao longo deste ano e que están compiladas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). Así, destacou que neste 2024 o persoal laboral da Consellería pasará a actuar sete meses nesta anualidade, un máis que o ano pasado. Así, dous terzos do persoal anti incendios xa traballa todo o ano e o terzo restante chegará a facelo durante nove meses no horizonte de 2026.