O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nula, por alcanzar “unha conclusión diferente á emitida polos xurados, que atenderan a tese acusatoria”, a sentenza na que a Audiencia Provincial de Ourense absolveu dos delitos de homicidio consumado e de homicidio por comisión por omisión ao acusado de matar, en xaneiro de 2020 na localidade de Barbadás, á súa parella, cuxo corpo foi localizado oito meses despois no leito dun río.
A Sala do Civil e Penal ordenou, polo tanto, que se retrotraian as actuacións ao momento anterior a ditarse a resolución, a fin de que se dite outra, de conformidade co veredicto de culpabilidade emitido polo xurado, que entendeu que o falecemento da vítima se produciu pola omisión de auxilio do investigado.