O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este mércores que o parque acuático de Monterrei, do que se vén de inaugurar unha nova fase, permitirá reforzar o potencial turístico da provincia de Ourense e dinamizar a economía da contorna. “Temos que darlle unha nova vida, dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia e este é un magnífico exemplo”, sinalou.
Tras apertura no verán de 2023 das primeiras instalacións (piscina infantil, piscina de relax, de ondas ou a zona de splash), este mércores inaugurouse a fase 1 xa totalmente rematada deste complexo que inclúe novos servizos como aparcadoiro, vestiarios, sendas peonís e zona de xogos para nenos así coma catro novas atraccións acuáticas: hidrotubos abertos e pechados e dous novos tobogáns.
A Xunta foi a encargada de executar as obras da fase 0 e 1 deste complexo, nas que investiu preto de 9 millóns de euros. As instalacións vanse completar cunha nova área de relax, máis atraccións de auga e un parque multiaventura. A Deputación de Ourense levará a cabo estas tres últimas fases.