martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasFundación Esplai e o Concello de Salceda crean o CRI-TIC para achegar...

Fundación Esplai e o Concello de Salceda crean o CRI-TIC para achegar aos máis novos ao mundo dixital

O CEP Altamira e o IES Pedras Rubias fomentan a actividade entre o seu alumnado

O Concello de Salceda de Caselas, a Fundación Esplai, o CEP Altamira e o IES Pedras Rubias veñen de presentar a actividade “CRI-TIC Infancia e xuventude con criterio dixital”, que vai permitir a formación en competencias dixitais básicas e avanzadas a 24 adolescentes do municipio durante o verán de xeito gratuíto.


O proxecto CRI-TIC, xestionado pola Fundación Esplai, ten como obxectivo fundamental favorecer a adquisición de competencias dixitais dende a infancia. Así, combinando coñecementos e habilidades, foméntase unha actitude crítica e responsable da tecnoloxía, non só para a aprendizaxe ou traballo, senón tamén para a participación na sociedade e a interacción social. As persoas participantes recibirán formación no uso responsable de internet, ciberseguridade, robótica educativa, impresión dixital e realidade virtual, entre outros.


O proxecto divídese en dous grupos de atención de 30 horas de duración: un grupo de competencias básicas para os nenos e nenas nados no 2012 e no 2013, e outro de competencias avanzadas para as persoas nadas entre os anos 2010 e 2011. Os centros de ensino realizaron a difusión desta iniciativa entre o seu alumnado, quedando a día de hoxe prazas dispoñibles no grupo de competencias básicas. As sesións levaranse a cabo no CEP Altamira entre o 24 de xuño e o 18 de xullo.


Selene González, Concellaría de Ensino e Benestar Social asegura que “é un orgullo para nós poder colaborar coa Fundación Esplai velando pola transformación e inclusión social de toda a nosa mocidade. Esta iniciativa chega por vez primeira ao noso Concello e terá continuidade no vindeiro curso”.


Pola súa parte, a alcaldesa Loli Castiñeira afirma que “unha poboación nova como a de Salceda precisa de ferramentas como este programa, que axuden á inclusión dixital dende a infancia para que ninguén se quede atrás. Agradecemos á Fundación Esplai por ter elixido o noso Concello para unha iniciativa tan interesante para a nosa mocidade, así como aos centros educativos pola súa implicación e acollida.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS