Os centros integrados de FP Valentín Paz Andrade, Imaxe e Son, Ferrolterra, Portovello e Politécnico de Lugo, así como os institutos Politécnico de Vigo, A Sardiñeira, Perdouro e A Pinguela proclámanse vencedores dos retos da primeira edición de Innovatech FP. Os participantes tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade.
“As propostas premiadas neste acto son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destacou Román Rodríguez durante o acto de entrega de premios.
Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, son os que se reflicten na táboa. Entre os 10 centros premiados, seleccionouse a maiores ao CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo en resposta ao reto plantexado por Viaqua, como premio especial.
Empresa | Reto | Centro gañador |
Viaqua | Deseño dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais | CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) |
Pérez Rumbao | Desenvolvemento de robots para o reparto de recambios en talleres de automoción | IES Politécnico de Vigo (Vigo) |
Diesemm | Solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos | CIFP Imaxe e Son (A Coruña) |
Finsa | Creación dun sistema de control de crecemento de especies forestais que permita a monitorización das condicións ambientais | CIFP Ferrolterra (Ferrol) |
Aceites Abril | Sistema de medición rápida de graxas en pastas de refinado | IES A Sardiñeira (A Coruña) |
L’Oreal | Solucións para a transformación de envases plásticos de produtos cosméticos en produtos duradeiros para salóns de peiteado | IES Perdouro (Burela) |
elPulpo | Creación dunha colección téxtil reciclada | IES A Pinguela (Monforte) |
Roberto Verino | Deseño dun sistema de análise para unha empresa téxtil que axude a optimizar propostas de colección e a medir a satisfacción do cliente | CIFP Portovello (Ourense) |
Fundación San Rosendo | Desenvolvemento dun sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores | CIFP Politécnico de Lugo (Lugo) |
Naturgy | Deseño de ferramentas para a detección de perdas de enerxía eléctrica para contribuír á súa redución | CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) |