Así o avanzou este domingo o alcalde da localidade unha vez realizada a fiscalización do expediente que reflicte a situación económica actual do Concello de Ourense. O Departamento de Tesourería dá conta dun remanente para gastos xerais de 123.597.562,59 euros, unha cantidade que se destinará ao pagamento de gastos xa comprometidos ou reservados e á execución de novos gastos e investimentos, indicou o rexedor local.
O alcalde resalta que “estes números din todo o contrario ao que a oposición mantivo durante os últimos meses. O Concello de Ourense non só está moi lonxe de estar na bancarrota que pregonan, senón que ademais é o concello máis saneado de Galicia”. A este respecto, Pérez Jácome incide en que “das sete grandes cidades galegas, Ourense é a que ten un remanente de tesouraría máis alto por habitante”.
Indicador da solvencia financieira da entidade
O remanente de tesourería reflicte a situación de liquidez dunha entidade ao peche do exercicio, e concreta a cantidade que se atopa dispoñible para financiar gastos, polo que resulta un indicador moi importante para valorar a solvencia financeira a curto prazo dunha entidade local, indican fontes municipais.
O Remanente obtense como suma dos fondos líquidos máis os dereitos pendentes de cobranza, deducindo as obrigacións pendentes de pago e agregando as partidas pendentes de aplicación. En síntese, é o indicador que presenta a situación financeira da entidade se, ao 31 de decembro, tivese que pagar todas as súas débedas cos seus recursos a curto prazo.