Un Programa de Irmandamento Internacional de Bibliotecas é no que están inmersas as salas de lectura de Ribadavia e a de Sarmiento, de Tandil, na Arxentina. Ambas comparten unha actividade de intercambio de relatos míticos, lendas locais e rexionais.
A Biblioteca de Ribadavia contou coa colaboración do alumnado de 2º e 3º de ESO do IES O Ribeiro, que traballaron coas súas profesoras de Lingua Galega e Literatura no proxecto de recollida de lendas. Para iso, levaron a cabo unha investigación familiar e na veciñanza para recabar historias que lles contaban, para finalmente, gravalas. O resultado son unhas fermosas lendas do Ribeiro.
E para o caso da Biblioteca Sarmiento participaron rapaces do EES nº1 de Villa Cacique, coa coordinación de Helena Ardanch, onde os estudantes escribiron, leron e filmaron videos con producións propias sobre a temática.
Ambas producións serán compartidas ao mesmo tempo en redes sociais das bibliotecas irmandadas.
Durante toda a semana, publicarán os videos de ambos países simultáneamente. A continuación amosamos o primeiro deles:
Escolares de Ribadavia e Arxentina intercambian relatos e lendas
As bibliotecas municipais de Ribadavia e Tandil, na Arxentina, participan dun proxecto internacional conxunto