viernes, octubre 18, 2024
InicioNewsComarcasO Almanaque Agrícola ZZ, Premio Antonio Palacios da Cultura

O Almanaque Agrícola ZZ, Premio Antonio Palacios da Cultura

O Concello do Porriño concederá o Premio Antonio Palacios da Cultura ao Almanaque Agrícola ZZ, de Syngenta, por «ser unha publicación que trascende as nosas fronteiras e deixar unha importante impronta na Galicia do século XX».

O Almanaque Agrícola ZZ naceu no 1953 da man da empresa Zeltia no Porriño e sorteou a censura publicando en galego e cunha ideoloxía galeguista, logrando sobrevivir ante os cambios na empresa e convertíndose nunha das publicacións galegas periódicas máis lonxevas e máis importantes no seu ámbito.

A principios dos anos 50 a División de Agroquímicos de Zeltia considerou necesario publicitar os novos productos e avances técnicos entre a poboación do rural a través dunha canle axeitada. Así naceu o Almanaque Agrícola ZZ, saíndo por primeira vez á rúa con distribución gratuíta e tirada anual.

Os agricultores e gandeiros tiñan no Almanaque ZZ un instrumento inmensamente útil, unha ferramenta que entendían e usaban na práctica. O seu éxito, que se foi renovando ao longo dos anos mantendo sempre a súa peculiar estética, radica precisamente niso, nos seus contidos útiles como os ciclos da lúa para as sementeiras, os produtos recomendados polos laboratorios para combateren as pragas do campo ou as enfermidades do gando, predición meteorolóxica… Todo isto completado con contos breves, refráns do gusto popular, ilustracións e unha marcada impronta cultural.

O premio será entregado o próximo sábado, día 15, no Porriño, xunto a outros tres galardóns nos ámbitos do deporte, a empresa e o compromiso social, e un cuarto de honra que recaerá na figura póstuma de mestre e historiador Jose Ramón Iglesias.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS