A comunidade galega “será a primeira en España” en iniciar estas probas para mellorar o diagnóstico do tumor que “causa 500 mortes cada ano na comunidade”, resaltou o presidente da Xunta.
Este cribado enmárcase no proxecto europeo PRAISE-U (sensibilización sobre o cancro de próstata e iniciativa para a detección na UE, nas súas siglas en inglés) e co que se pretende mellorar o diagnóstico precoz desta enfermidade e reducir os falsos positivos que se detectan cos controis actuais. Galicia será a primeira rexión en dar comezo ao proxecto, no que tamén participan Cataluña (Manresa), Lituania, Polonia e Irlanda.
Tal e como adiantou Rueda, o cribado poñerase en marcha na área sanitaria de Ferrol “co obxectivo de chegar a 12.000 homes de entre 50 e 69 anos”.