viernes, noviembre 22, 2024
InicioConcellos +A CañizaZona Franca e o Concello da Cañiza celebran a 1ª Comisión de...

Zona Franca e o Concello da Cañiza celebran a 1ª Comisión de Seguemento para desenvolver o Parque Empresarial do Vieiro

A semana pasada tivo lugar a primeira Comisión na que, ademais do Presidente do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades e o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, estiveron presentes os arquitectos do Consorcio, o técnico de urbanismo, a Secretaria e unha administrativo do Concello, que serán os responsables da tramitación necesaria para iniciar o procedemento de modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Un trámite que segundo se recolle no Convenio asinado entre o Concello e Zona Franca, publicado no BOE nº 88 do pasado 13 de abril de 2023, será necesario iniciar para cambiar  a clasificación do chan neste ámbito, pasando de rústico de protección forestal a chan urbanizable, recolléndose a cualificación de uso industrial. 

En outubro de 2022, o Consorcio Zona Franca de Vigo e o Concello da Cañiza formalizaron un protocolo de colaboración polo que A Cañiza solicitou a incorporación, ao Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, da superficie do novo parque, que se atopa ao pé da autovía e cunha orografía chaira aínda que, a súa clasificación é, na meirande parte, urbanizable e rústico de protección forestal. 

Unha vez modificado o PXOM, as partes comprométense a formalizar un convenio para executar o plan e permitir o desenvolvemento urbanístico deste chan, para que este poida ser comercializado por Zona Franca.

 No devandito convenio establécese:

  • A redacción e tramitación ata a súa aprobación definitiva do Proxecto de Urbanización (PU). 
  • En paralelo á redacción do PU, redactarase o Proxecto de Expropiación (PE) dos bens e dereitos afectados polo desenvolvemento, e incluirá os acordos de exclusión que se establezan con aqueles titulares que queiran manter a súa actividade no ámbito. O importe previsto para a expropiación da totalidade dos bens e dereitos afectados cífrase nun total máximo de 2.600.000 €.
  • A Tramitación ata a súa aprobación definitiva dos PU e PE. 
  • A redacción e tramitación ata a aprobación definitiva do Proxecto de Reparcelamento. 
  • As obras de urbanización, ata un orzamento máximo de execución material de 26.000.000€.

Zona Franca redactará os proxectos de expropiación, urbanización e reparcelamento, asumirá os custos das expropiacións, así como os das obras de urbanización e reparcelamento previstas nos correspondentes proxectos.

Finalmente cederá ao Concello, libre de cargas, os viais e servizos previstos no proxecto de urbanización, os parques e xardíns públicos, os aparcamentos públicos e os terreos precisos para a instalación e funcionamento dos restantes servizos públicos necesarios.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS