O Conselleiro de Cultura entregou o recoñecemento de Ben de Interese Cultural á alcaldesa Nava Castro
O Concello de Ponteareas viviu onte un momento histórico á vez que celebraba a cerimonia máis emotiva da programación de Corpus Christi. A alcaldesa, Nava Castro, recibiu da man do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos a Declaración de Ben de Interese Cultural na categoría de Inmaterial e, por outro lado, rendeu homenaxe á dedicación e compromiso das e dos alfombristas. Nunha cerimonia celebrada no auditorio Reveriano Soutullo a Corporación entregou as medallas do Corpus Christi a dezasete deles. Unha medalla que rubrica o seu esforzo, implicación e importancia.
“Hoxe vivimos un momento tan emocionante como importante para o Corpus Christi de Ponteareas, un novo recoñecemento que pon en valor a entrega e o compromiso das e dos nosos alfombristas. O BIC recoñece a sabedoría popular, a capacidade das e dos ponteareáns de prolongar ao longo do tempo esta tradición e coñecementos. A arte floral de Ponteareas é aínda máis importante se cabe e comezamos a prepararnos para máis recoñecementos que engrandezan o noso Corpus Chirsti”, salientou a alcaldesa.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, resaltou a “máxima protección desta festa polo seu valor artístico e cultural, que vai máis alá do ámbito relixioso e se vincula coa cultura popular”. Nesta liña, engadiu, “a declaración como BIC vén recoñecer, ademais dos rituais e cerimonias, todo un conxunto de técnicas artesanais e sabedoría popular sobre a natureza e o campo que temos a responsabilidade de conservar”.
Uns coñecementos que o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos Carrera, recolleu na súa intervención de apertura do acto “e que unen a xeracións e xeracións de ponteareás e ponteareáns, distinguíndoos aló onde vaian porque o Corpus Christi de Ponteareas é parte da nosa identidade, é o que máis lonxe levou o nome da nosa vila xunto ás e aos nosos pontereáns ilustres, deportistas, creadores e profesionais de todos os sectores porque a cidadanía de Ponteareas é inqueda, activa e comprometida”.
Para recoller a súa medalla subiron ao escenario do Reveriano Soutullo os alfombristas Esteban García Morales do tramo da Praza Bugallal – Orotava; Luís Miguel Hermida Villar do tramo da praza Bugallal; Amparo Doval Mera da rúa Oriente; María del Pilar Martínez Prieto do primeiro tramo da Praza Maior; José Antonio Rodríguez Cuevas do segundo tramo da Praza Maior; Mónica Monje García da Anpa Pena do Equilibrio-Rúa Ferreiros; María José Velasco Martínez da rúa Ferreiros tramo primeiro; de Dr. Fdez. Vega – Fonte do Baratillo, Ana María Amil Lago; da Rúa Fernández Vega, M.ª Isabel Rodríguez Pérez; do tramo Arco da Vella – Dr. Fdez. Vega; Virginia de la Salud Alfaya Rodríguez; do Cantón de Boa Vista, María Regina Rodríguez Torres; do tramo Reveriano Soutullo – A Castiñeira Angel Rodríguez Castro; do tramo Reveriano Soutullo – Arcos; Santiago Carrera Tato; do tramo Reveriano Soutullo – Prado, Manuel Costal Sousa; de Reveriano Soutullo – As Monxas, Josefa Táboas Márquez; de Reveriano Soutullo, Sandra Estévez Alonso e do tramo da Rúa Constitución, María Salomé Davila Peña.
Durante o acto tamén se recoñeceu ao fillo predilecto de Ponteareas Lorenzo Olarte, Presidente del Cabildo Insular de Gran Canaria (1974-1979); a alcaldesa recibiu a súa familia para amosarlle o seu cariño no auditorio municipal. Tamén se homenaxeou a Manolo Vaqueiro, alma da composición floral do Cruceiro de San Gregorio.