Mos prepárase para descubrirnos todo o que rodea á Festa da Rosa no novo desafío ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se están a realizar xogos de escapismo temáticos, dixitais e ao aire libre no territorio.
Unha inmersión fascinante na riqueza cultural e histórica deseñada para todos os públicos e totalmente de balde coa que o público xa está explorando os máis variados recunchos dos 14 concellos.
O mes de xuño arranca cun novo desafío de ‘Eureka Reto Rural’ este sábado 8 de xuño en Mos, onde as persoas participantes percorrerán as rúas arredor do Pazo de Mos para visibilizar unha festa de grande importancia para veciños e veciñas que se celebra dende hai 51 anos e que busca enxalzar a Rosa de Quirós. As xogadoras e xogadores deberán seguir as indicacións e pistas para afondar nesta tradicional festa e competir entre elas e eles para ver quen consigue superar primeiro todas as probas.
O escape room partirá ás 11.00 horas do Pazo de Mos nunha ruta circular de dificultade moderada e accesible. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.
A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, explicou que “despois dun mes podemos dicir que esta actividade está sendo todo un éxito de participación e acollida. É un orgullo para nós ofrecer experiencias únicas que permiten dar a coñecer o noso territorio de xeito tan especial e ver en cada reto a tantas persoas desfrutando dos nosos concellos e valorando a nosa contorna”.
Sobre a escape room da ‘Festa da Rosa’ a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou sentirse “satisfeita de contar, incluída na programación da nosa festividade local de Interese Turístico de Galicia con esta iniciativa moderna e novidosa que ten o obxectivo de impulsar o turismo e a diversión ao aire libre no noso territorio”.
“Xa temos preto de 200 inscritos nesta escape room de balde que ofrecerá desafíos lóxicos e enigmas contextualizados na cultura local, incluíndo personaxes históricos e elementos naturais do municipio e da nosa Rosa, o que demostra o interese da cidadanía en Mos, na súa cultura e na súa historia; polo que como alcaldesa síntome honrada e chea de orgullo”, indicou Arévalo.
Así mesmo a rexedora local animou a quen aínda non decidise inscribirse a que se apunte “a esta experiencia inmersiva que garantirá un rato divertido e do máis agradable, mergullándose na realidade mosense”.
O equipo que consiga superar a proba no menor tempo posible gañará unha visita e experiencia no taller de orfebrería Areladefe, en Oia, para coñecer á artesá ao fronte do proxecto, Fé González. A experiencia incluirá a elaboración dunha peza sinxela para levar como lembranza e un paseo guiado á beira do mar seguindo o tramo do Camiño Portugués da Costa entre o Mosteiro de Oia e as Orellidas para ir descubrindo ‘As lendas do Camiño’ e solpor nos petróglifos da Pedreira acompañados dunha guía turística local.
Ademais, entre todas as persoas participantes o Concello de Mos sorteará 6 lotes valorados en 150 euros de produtos naturais de Luffadermm, un proxecto dos centros EVD Galicia, unha institución relixiosa sen ánimo de lucro da Congregación Escravas da Virxe Dolorosa que ten como misión promover a dignidade de mulleres con discapacidade intelectual facilitándolles apoios individualizados de calidade.