O Consello da Xunta vén de acordar hoxe a aprobación do proxecto de reforma do cruzamento de Setados na estrada PO-400, no concello das Neves. O investimento que o Ggoberno galego destinará á actuación na intersección situada no quilométrico 9+980 desta vía autonómica, punto de acceso principal á parroquia de Setados, superará os 460.000 euros.
A aprobación definitiva da actualización deste proxecto construtivo leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos 8 predios necesarios para executar esta intervención.
A actuación autorizada hoxe polo Executivo autonómico ten como obxectivo mellorar as condicións dese cruzamento de Setados, co fin de aumentar a visibilidade e reforzar a seguridade viaria nos movementos de tráfico. Isto permite acometer unha intervención máis ampla, tras terse executado hai uns anos pequenas actuacións destinadas a mellorar a contorna.
En concreto, a actuación consistirá na substitución da intersección actual por unha con carrís centrais de espera (aceleración e deceleración), que permita realizar manobras cun maior grao de seguridade.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no 2º semestre deste ano, para poder licitar, a continuación, as obras, e inicialas no segundo trimestre de 2025. O prazo de execución dos traballos é de 4 meses.