O evento celebrarase o vindeiro sábado 8 de xuño nas instalacións do colexio británico O Castro British International School, entre as 9:30 e as 14.00 horas.
Un centenar de mozos de entre 6 e 15 anos de Pontevedra e Ourense daranse cita na World Robot Olympiad, que se celebrará o próximo 8 de xuño nas instalacións do colexio británico situado en Mos, O Castro British International School. Unha xornada festiva que achegará de forma lúdica e divertida a robótica e a ciencia aos máis pequenos, xa que ademais da competición de robótica haberá diferentes postos con talleres e actividades para toda a familia.
O evento, cuxo acceso é libre e gratuíto para todo aquel que queira gozar dunha mañá diferente en familia, arrincará ás 9.30 horas, e prolongarase ata as 14.00, hora estimada da entrega de premios nas que se relevarán os equipos vencedores nas catro categorías, RoboBasic, RoboMission-Elementary e RoboMission-Junior e Future Innovators Junior. A World Robot Olympiad (WRO) é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos mozos unha oportunidade de achegarse de maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería.
Os participantes, coa orientación dun adestrador, deben construír un robot innovador que
supere un reto. Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais. A proba do próximo sábado 8 de xuño é clasificatoria para a final nacional.
A competición
A competición engloba diversos retos a resolver polos equipos en cada unha das categorías, neste caso RoboBasic, RoboMission-Elementary e RoboMission-Junior, nos que competirán en varias roldas clasificatorias. Ademais, este ano engádese a categoría Future Innovators Junior unha categoría na que os membros dos equipos terán que expoñer e defender os seus proxectos ante os xuíces. Os retos da edición WRO 2024 están inspirados nas temáticas Aliados da Terra: cidade verde, granxa sostible, rescate de animais, futuro sostible, a forza da natureza e o coche autónomo.
A participación na proba do próximo sábado 8 de xuño será clasificatoria para a fase nacional e da competición nacional sairán os clasificados para a fase internacional. A fase nacional celebrarase en setembro en Huércal (Almería) mentres que a final internacional terá lugar en novembro en Izmir (Turquía).
A presente edición do evento, organizado por O Castro British International School en colaboración con Logonautas, conta co respaldo do Concello de Mos, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo (COITIVIGO), Optar Solutions e Generali Seguros.
Acerca de Globeducate
Os colexios Globeducate preparan a cada estudante para que sexa un cidadán global que poida transformar ao mundo. Globeducate é un dos principais grupos de educación internacional K12 do mundo, unha rede de máis de 60 colexios internacionais e bilingües de primeira calidade, así como programas en liña, que educan a 42.000 estudantes en doce países.
En 2021 creouse a agrupación industrial Globeducate British International School, que conta con nove colexios británicos e internacionais en Europa, catro deles en España: O Castro British International School (Vigo), Coruña British International School (A Coruña), St. George’s British International School (Bilbao) e Cambridge House British International School (Valencia).