As delegacións de Caminha, Monçao, Viana do Castelo, Alemaña e La Orotava visitaron as decoracións florais da vila
Co obxectivo de compartir a súa paixón pola arte floral de Corpus Christi o Concello de Ponteareas recibíu este venres a 35 representantes das distintas cidades irmandadas coa vila para darlles a benvida. A representación da cidade canaria de La Orotava, as vilas portuguesas de Caminha, Monçao e Viana do Castelo e a alemá Offenburg-Bohlsbach chegaron a Ponteareas para fortalecer vínculos e estreitar relacións.
No auditorio municipal Reveriano Soutullo, a alcaldesa, Nava Castro, e o primeiro tenente de alcaldesa, Juan Carlos Carrera, entregaronlles un agasallo como mostra de agradecemento e aprecio. Para promocionar os produtos de Ponteareas regalóuselles rosquillas e para agasallarlle o sentir de Ponteareas a roupa oficial do Corpus Christi, deseñada para esta edición 2024.
Tras o acto de benvida, procedeuse a unha visita polas rúas de Ponteareas co fin de ensinarlles ás delegacións as decoracións que desde hai semanas engalanan as rúas. Todas as cidades irmandadas polo Corpus Christi achegan, cada ano, unha alfombra floral que se incorpora ao trazado de alfombras ponteareáns tentando o Concello aportarlles todo o preciso para que desenvolvan o seu traballo coa maior normalidade.
PROGRAMA
A cidadanía pode consultar na páxina web do Concello a programación das festas
con actividades para todos os públicos. A hora oficial de comezo de confección de alfombras será ás 18 horas de mañá sábado día 1. O domingo día 2 ás 10:30 será a recepción das autoridades coa actuación da Banda Cristo de la Victoria de León diante da Casa do Concello. Ás 11:30 será a misa solemne cantada pola Coral do Centro Artístico Sportivo seguida da entrega da marcha procesional da man de Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, á alcaldesa de Ponteareas, e ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Logo da interpretación da marcha procesional do Corpus Christi de Ponteareas arrincará a procesión que estará acompañada pola Banda Cristo de la Victoria de León e será recibida polos gaiteiros de Xinzo na baixada de San Gregorio e rúa Ferreiros.
O desfile de carrozas e batalla de flores será ás 19:00 horas polas rúas do centro urbano e a actuación da orquestra Assia ás 22:00 horas na Praza Maior seguida da orquestra Galilea ás 23:00 horas na Praza Bugallal.
O luns 3 de xuño espectáculo infantil con Animart na Praza Bugallal a partir das 12:00 horas e inchable gratis para todas e todos os cativos ás 17:00 horas diante da Casa do Concello. A ofrenda floral In Memorian ás e aos alfombristas falecidos será ás 19:30 horas no monumento ao alfombrista. Ás 20:30 no auditorio Reveriano Soutullo procederase á entrega de medallas de Corpus Christi coa actuación musical de Amancio Prada. Ás 22:00 horas actuarán as orquestra Combo Dominicano na Praza Maior.
O martes día 4 de xuño entregaranse os premios do I Concurso de Balcóns Floridos no Salón de Plenos. O 6 de xuño será o I Trofeo Inclusivo de petanca Vila do Corpus.