O club foi recibido onte no Concello en recoñecemento aos logros deportivos desta tempada
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, recibiron na Casa Consistorial aos integrantes dos equipos senior masculino e feminino do Porriño Baloncesto Base (PBB). A esta recepción acudiron tamén Icía Alcalde, presidenta do PBB, Julio Bernárdez, técnico de Deportes do Concello do Porriño e presidente da Federación Galega de Baloncesto.
No acto, o alcalde entregoulles un obsequio homenaxe a cada equipo e unha medalla a cada xogador e xogadora en recoñecemento aos logros deportivos desta tempada: o Godoy Maceira PBB, equipo senior masculino, foi subcampeón de Liga e conseguiu o ascenso á Liga EBA; e o Syngenta PBB, equipo senior femininio, clasificouse para a fase de ascenso.
Julio Bernández, agradeceu o “apoio incondicional do Concello do Porriño, en canto a infrastructuras e cartos para o desenvolvemento dos proxectos, que conxugado cunha estructura de xestión solvente e con persoas que xa teñen estado en proxectos importantes, coa experiencia suficiente fará que o ano que ven, falemos do ascenso á Liga de Prata, que se vai chamar Terceira Nacional”.
No mesmo sentido, Icía Alcalde, engadiu que o Concello “aposta polo deporte como unha inversión e non como un gasto”, e salientou “o apoio moral, pola ilusión cos proxectos que presentamos”. “O baloncesto é o que nos une, o que nos fai familia”, concluiu Icía Alcalde incidindo en que a base será sempre a prioridade do PBB.
O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, destacou o “o vínculo entre os equipos de base, os primeros equipos e os equipos senior do Porriño Baloncesto Base, amosa que o espíritu do club coincide co que queremos imprimir desde o Concello do Porriño, e sei que seguiredes traballando na mesma liña”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, concluíu felicitando a gran “familia PBB o esforzo e traballo duro para que este proxecto cada vez sexa maior. Máis alá dos éxitos deportivos demostrades que estades implicandos cos valores do deporte, tanto os deportistas, como a directiva e técnicos, como a afición” e animounos a “seguir adiante. Contaredes sempre co respaldo do Concello do Porriño”.