O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do seu Executivo no apoio ao sector turístico galego e felicitouno por estar contribuíndo a reforzar a calidade do destino e, deste xeito, facelo, ademais, máis atractivo para os viaxeiros.
Así o fixo na entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións “Q” de Calidade e 39 “S” de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q de España e a cuarta de distintivos S.
Para Rueda, o sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado. Neste sentido, referiuse aos máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano.