Esta edición, marcada pola declaración do Corpus Christi como BIC, recolle diversos artigos de investigación que salientan o contexto histórico e cultural da festa
O Concello acolleu a presentación dunha nova edición da Revista Pregón para este Corpus Christi 2024 onte á noite. No acto participaron a alcaldesa, Nava Castro, o primeiro tenente da alcaldesa, Juan Carlos González e o responsable da revista, Gonzalo Fernández.
Esta presentación atópase no marco do programa de actividades do Corpus Christi 2024, unha edición marcada polo recente recoñecemento da festa como Ben de Interese Cultural, por parte da Xunta de Galicia ante a calidade e tradición desta festa.
Como cada ano, a revista recolle información de interese sobre a festividade do Corpus Christi, con imaxes en referencia ás alfombras das diferentes estacións, a entrega das medallas e diferentes artigos de investigación con respecto á historia e tradición da festa, da man de expertos na materia.
No acto tamén estivo presente outra das sinais de identidade de Ponteareas, a música, coas actuacións do violinista local Zeus Alfaya acompañado do seu profesor Serghei Maximov ao piano.