No camiño por afondar e formalizar os lazos de amizade e cooperación transfronteiriza entre O Rosal, A Guarda e Caminha, o Concello rosaleiro aprobará este xoves 30 de maio a declaración de interese que senta os cimentos da Eurocidade da Foz do Miño. Será na sesión plenaria que se celebrará no salón de plenos ás 20.30 horas, á que o goberno municipal levará este documento consensuado que recolle os puntos esencias para a creación deste futuro espazo de colaboración entre os tres concellos.
Seguen a darse pasos así na formalización dunha ferramenta que permitirá reafirmar relacións entre os tres municipios transfronteirizos, “promovendo a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental e impulsando a posta en marcha de servizos comúns como instrumentos dinamizadores da convivencia entre poboacións que xa manteñen unha estreita relación. Continuamos traballando para sentar as bases dun proxecto de futuro en común”, como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Dividido en catro puntos, o documento comeza por definir o obxecto da futura Eurocidade e a súa finalidade para no seu segundo punto enumerar os obxectivos da Declaración, que consta de 16 puntos bastante amplos que deixan aberta a posibilidade de incluír outros aspectos que poidan ser considerados necesarios máis adiante.
No terceiro punto especifícanse as áreas de intervención, que abranguen Cultura, Deporte, Turismo, Desenvolvemento Municipal, Recursos Humanos, Educación, Política Social, Medio Ambiente e Gastronomía, entre outros que poidan indo revelándose como oportunos ao longo do proceso. Pola súa banda, o cuarto punto establece as finalidades da futura Eurocidade da Foz do Miño.