Tolerancia, sensibilización, respecto, e aceptación e normalización da diversidade, son as máximas desta iniciativa titulada “A miña familia é única pero non hai unha única familia” que se está a desenvolver polo Concello nos colexios mosenses
O Concello de Mos está volcado coas familias do municipio e, tras presentar a semana pasada a iniciativa pioneira e innovadora ‘Familias Activas Hoy’, primeira Escola de Pais da localidade mosense, chega agora ‘A miña familia é única pero non hai unha única familia’. Baixo este lema enmárcase a actividade educativa en materia de igualdade que se está a desenvolver nos colexios de Mos. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, informaron hoxe de que desde o Concello estase a promover unha iniciativa didáctica sobre diversidade familiar cos obxectivos de “sensibilizar á cativada sobre a diversidade de estruturas familiares, fomentar o respecto, a tolerancia e a empatía cara a todas as formas de familia, promover a aceptación e a confianza en si mesmos/as, independentemente da estrutura familiar da que formen parte e eforzar a idea de que todas as familias, independentemente da súa composición, deben ser respectadas” segundo declararon as representantes municipais Arévalo e Loureiro.
A actividade estase a levar a cabo coa cativada de 4º curso de Primaria dos CEIPs da localidade. En total pariciparán nela 135 alumnos e alumnas dos colexios de Pena de Francia, Mestre Martínez Alonso, Mestre Valverde Mayo, Atín-Cela e Petelos. Esta mañá impartiuse a charla no CEIP Pena de Francia.
Na sociedade contemporánea, a diversidade familiar é un fenómeno cada vez máis evidente e relevante. Os cambios sociais, culturais e legais deron lugar a unha multiplicidade de formas familiares, que van máis aló do modelo tradicional de familia composta por pai, nai e fillos/as.
“Hoxe en día, atopámonos con familias monomarentais ou monoparentais, familias adoptivas, familias LGTBI, familias reconstituídas, etc., e todas elas reflicten a variedade de experiencias e configuracións familiares presentes na nosa comunidade. A infancia é unha etapa crucial no desenvolvemento da identidade e os valores persoais. Os nenos e nenas absorben información e constrúen as percepcións do mundo que lles rodea a partir das experiencias e ensinos que reciben na súa contorna, incluíndo a familia e a escola. Por tanto, é fundamental que desde idades temperás se promova unha educación inclusiva e respectuosa que reflicta a realidade diversa e plural das familias na sociedade actual”, salientaba a rexedora local mosense, Nidia Arévalo.
Deste xeito, esta intervención na comunidade escolar mosense xustifícase na necesidade de sensibilizar ás nenas e aos nenos sobre a diversidade familiar, ofrecéndolles ferramentas para comprender, respectar e valorar as diferentes formas nas que se expresan o amor, o coidado e o vínculo familiar. Ao proporcionarlles un espazo seguro e enriquecedor onde poidan explorar e reflexionar sobre estas temáticas, estamos a contribuír á formación de cidadáns e cidadás críticas, empáticas e comprometidas coa construción dunha sociedade máis inclusiva e equitativa. Ademais, ao fomentar a aceptación da diversidade desde a infancia, promóvese un ambiente escolar e social máis harmonioso e libre de discriminación, onde todos os nenos e nenas podan desenvolverse plenamente, independentemente da súa orixe, composición familiar ou identidade.
A actividade baséase en dinámicas de grupo para identificar similitudes e diferenzas entre as distintas estruturas familiares, en visionado de material audiovisual (contos, curtametraxes) que representen a diversidade familiar e promovan valores de inclusión e respecto; e nun espazo para a reflexión durante o que os nenos e nenas expresan as súas dúbidas, opinións, emocións e reflexións sobre a diversidade familiar. Estas charlas son guiadas por unha Educadora Social con experiencia impartindo este tipo de contidos da empresa Talentea.