O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Casa do Concello de Ribadavia a oitava edición de No bico un cantar, unha proposta apoiada pola Xunta de Galicia que reunirá este venres, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, a un coro de máis de 350 nenos e nenas procedentes de conservatorios das sete cidades galegas, de cinco centros de ensino musical de municipios de toda Galicia (entre o que se atopa o de Ribadavia) e parte do Coro Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia para homenaxear a Xeración Nós coa interpretación de poemas de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Álvaro de las Casas.
Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “é máis cun concerto”. Neste senso, o director xeral de Cultura puxo en valor que se trata dunha xornada de convivencia de nenas e nenos de toda Galicia que, desde o ensaio da mañá do venres e ata as 18 horas do concerto da tarde, “gozan do lugar de acollida e da vivencia dunha paixón compartida; a música».