A iniciativa ten o obxectivo de mellorar a seguridade dos menores
A Policía Local de Mos, decidiu unirse á nova campaña impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Esta campaña, especificamente adicada ao control do transporte escolar, desenvólvese entre hoxe luns día 27 e o 31 de maio e ten como principal obxectivo aumentar a seguridade dos menores durante os seus desprazamentos escolares.
Durante estes días, a Policía Local mosense está a realizar inspeccións exhaustivas sobre os vehículos de transporte escolar. As revisións inclúen a verificación de autorizacións e documentos, a comprobación das condicións técnicas e elementos de seguridade, así como a revisión dos cintos e sistemas de retención. Ademais, os axentes levan a cabo controis sobre os condutores para asegurar que posúen os permisos necesarios e que respectan os tempos de condución e descanso establecidos.
A campaña tamén pretende obter unha visión máis precisa sobre a incidencia dos accidentes en transporte escolar e a súa evolución.
A seguridade dos menores debe ser a máxima prioridade no transporte escolar e por medio desta campaña comprobarase que así sexa facendo un rigoroso control dos vehículos e condutores, e sensibilizarase a todos os involucrados sobre a importancia de seguir as normas de seguridade.
Esta iniciativa pretende mellorar as condicións do transporte escolar e garantir unha contorna segura para os nenos. A colaboración entre a Policía Local e a DXT reflicte o compromiso de ambas as institucións coa seguridade viaria e o benestar dos menores.
Nesta campaña se controlará especialmente que se circule á velocidade permitida e que non se faga uso do teléfono móbil ou outros aparellos que supoñan distracción. Tamén se realizarán controis de alcol e drogas. Ademais, debido á importancia que ten o cinto de seguridade en caso de accidente, prestarase especial atención ao seu uso.