O plan “Queda en Mos” pretende potenciar o crecemento económico e fomentar a colaboración entre os comerciantes con actividades e recursos deseñados específicamente para mellorar a comunicación, a rendibilidade e a xestión do tempo nos negocios locais
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Emprego e Participación Cidadá, Julia
Loureiro participaron esta mañá no encontro que desde a Axencia de Colocación do Concello de Mos se organizou como parte do Programa Integral de Apoio ao Comercio Local “Queda en Mos”.
Participaron un total de 50 persoas de 43 comercios e negocios locais dedicados a un amplo espectro de actividades, desde agros a negocios de alimentación, pasando por marketing, eventos, saúde, deporte, imaxe persoal, deseño audiovisual, servizos, formación especializada, floristerías, automoción, estancos, moblerías, ferreterías, librería, terapias alternativas, centros educativos e textil.
Segundo explicaron as representantes municipais Arévalo e Loureiro “o obxecto desta
iniciativa é conversar sobre as estratexias para seguir co armazón empresarial do comercio de proximidade e pequenos negocios locais do noso Concello”. Ademais, rexedora local e edil de Emprego anunciaron o lanzamento dun programa innovador deseñado para fortalecer e apoiar o comercio e os negocios locais no municipio.
“Co obxectivo de potenciar o crecemento económico e fomentar a colaboración entre os comerciantes, este programa ofrece unha serie de actividades e recursos deseñados especificamente para mellorar a comunicación, a rendibilidade e a xestión do tempo nos negocios locais” informaron Nidia Arévalo e Julia Loureiro.
Entre as principais iniciativas do programa atópanse reunións grupais para facer networking: Organizaranse encontros periódicos onde os comerciantes locais terán a oportunidade de coñecerse, intercambiar ideas e establecer colaboracións que impulsen o desenvolvemento dos seus negocios. Formacións grupais sobre comunicación, rendibilidade e xestión do tempo: Impartiranse sesións de formación en grupo dirixidas a proporcionar aos comerciantes ferramentas e estratexias prácticas para mellorar a comunicación cos clientes, aumentar a rendibilidade dos seus negocios e optimizar a xestión do tempo. Pílulas formativas en liña: Ademais das formacións presenciais, ofreceranse recursos formativos en liña, accesibles a través de plataformas dixitais, que permitirán aos comerciantes continuar aprendendo e desenvolvendo as súas habilidades de maneira flexible e conveniente. Campaña de visibilización e fidelización: levará a cabo unha campaña de fidelización dirixida a dar a coñecer todo o potencial dos negocios locais do noso municipio, incentivando a lealdade dos clientes cara aos comercios locais.
Este programa reflicte o compromiso do Concello de Mos co fortalecemento do tecido empresarial local e o impulso da economía do municipio.
Con recursos coma este preténdese que todos os comerciantes mosenses poidan aproveitar os recursos dispoñibles para facer crecer os seus negocios e contribuír ao desenvolvemento sostible da comunidade.