Os grupos da oposición de Ponteareas, BNG, PSOE e PEC, pediron hoxe a dimisión “inmediata” de Raquel Plana, a concelleira de Sanidade de Ponteareas que o luns chamou “gilipollas” ao edil do BNG, Miguel Bouzó”, cando este a estaba acusando de lucrarse co emprazamento do futuro centro de saúde da vila durante un debate plenario.
A concelleira tamén emitiu un comunicado en relación as súas “desafortunadas verbas”, no que pediu “perdón, de corazón, porque, a pesar de que a tensión do momento e os ataques reiterados cara a miña persoa levan tempo sendo reiterados e deleznables, non son xustificativos das palabras ditas”.
A concelleira do PP, Raquel Plana, recoñece que “non reaccionei como debería” e apunta que “ese nunca foi e nunca será o meu estilo”, ao mesmo tempo que recalca que “levo moito tempo sendo obxecto dunha campaña de mentiras, difamacións e desprestixio persoal e profesional por parte de distintos edís e grupos da oposición, que levan meses repetindo a falacia de que eu os a miña familia temos intereses persoais na parcela do novo centro de saúde de Ponteareas, algo que é totalmente falso e que só busca atacar á miña persoa e facer dano á miña familia”.
Pola súa banda, a oposición denuncian que os insultos de Raquel Plana, que chamou “gilipollas”, “manipuladores” e “patéticos” aos concelleiros, “son só a punta do iceberg”. “Desde que comezou a lexislatura temos que sufrir o comportamento antidemocrático do goberno local”, lamentan BNG, PSOE e PEC, indicando “hoxe mesmo ofrecemos esta comparecencia na rúa, ante a negativa do goberno a cedernos un espazo dentro do Concello”.