Os maxistrados salientan que “ningunha situación de indefensión se creou polo feito de que a defensa do acusado non participase directamente na confección do informe de credibilidade” da menor. Polo tanto, rexeitan un dos argumentos do recurso do sospeitoso, quen alegou que se vulnerou o seu dereito a un proceso con todas as garantías. Así, indican que non poden admitir “que a parte non tivese ocasión de cuestionar o contido da dilixencia sumarial de credibilidade do testemuño da menor”, pois “nada impediu a posible elaboración dun contrainforme que cuestionase o elaborado polo IMELGA, nin tampouco se impediu á defensa cuestionar dalgún modo o contido do informe discutido, con pleno respecto ao principio de contradición”. A Sala nega na resolución que se cernase algún “dereito da defensa por non participar no desenvolvemento do informe, nas dilixencias ou actuacións preliminares do mesmo”.
O TSXG tamén rexeita o segundo motivo do recurso, no que o condenado cuestiona o relato da vítima, ao que non atribúe forza probatoria. “As pretendidas imprecisións nos testemuños da menor de ningún xeito embazan o criterio adoptado sobre a realidade dos tocamentos do pene, mesmo, como sinala reiterada xurisprudencia, esas supostas contradicións ou imprecisións non fan máis que corroborar a veracidade do testemuño, eludindo considerar que se trata dun relato aprendido e configurado desde a irrealidade”, recalca a Sala na sentenza. Ademais, indica que a demora na denuncia dos feitos “de ningún xeito supón afectación á veracidade do testemuño” da vítima.
Por último, os xuíces rexeitan a posibilidade -exposta pola defensa- de que os feitos se considerasen como unha falta de vexacións, pois lembran que ese tipo desapareceu no ano 2015. En canto á aplicación da agravante de parentesco cuestionada pola defensa, o alto tribunal galego asegura que é “evidente” que, neste caso, “existe unha notoria situación de desnivel entre o avó e a súa neta, que esa situación é certamente aproveitada polo primeiro para a realización dos actos de abuso, que o propio parentesco e a convivencia creada e derivada do mesmo é o que facilita a comisión do ilícito penal e, finalmente, que por todo iso a posición do acusado en relación coa menor resulta eficaz para a comisión do delito”