178 alumnos/as dos centros educativos do municipio viven estes días o seu Bautismo de Surf organizado polo Concello do Porriño
Desde o pasado luns, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros educativos do Porriño están a disfrutar das actividades do programa Bautismo de Surf, organizado polo Concello do Porriño a través da Concellería de Educación e a OMIX.
Repartidos en distintos grupos, os estudantes do CEIP Antonio Palacios, CPR Santo Tomás, CEIP Budiño, CEIP Xoxé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga e CEIP da Ribeira, viven esta experiencia que ten por obxectivo promocionar o deporte e as actividades na natureza para ocupar o tempo libre, como alternativa saúdable ás pantallas.
“Practicar actividade física leva consigo múltiples beneficios e recoméndase facelo en todas as idades. En concreto, nesta etapa e con este programa pretendemos que as persoas participantes reflexionen sobre a forma que teñen de ocupar o seu tempo libre, valoren a importancia que ten o lecer para o seu desenvolvemento persoal e social, e sexan conscientes das alternativas das que dispoñen”, sinala Carolina González, concelleira de Educación do Porriño.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salienta que “desde o Concello apoiamos este tipo de actividades que axudan a traballar a tolerancia e cooperación entre a rapazada, fomentando o deporte e a diversión. E que mellor escenario que a Praia de Patos, para que descubran o surf e o poidan seguir practicando durante todo o ano”.