jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasO Carreiro do Rollo xa está dispoñible para a veciñanza de Salceda

O Carreiro do Rollo xa está dispoñible para a veciñanza de Salceda

O Equipo de Goberno inaugurou o espazo rodeado dos colectivos sociais e a veciñanza

“Que fermoso”, “que ben quedou”, “que cousa máis bonita” ou “non sabía que se lle podía
sacar tanto partido a este espazo” foron só algunhas das expresións que se escoitaron a pasada noite en Salceda. A veciñanza acudiu á cita, e máis dun cento de persoas quixo arroupar ao grupo de goberno na inauguración dun novo espazo recuperado para as persoas. A propia Alcaldesa, Loli Castiñeira, definiu a zona como un “espazo multixeracional” onde estou segura que se van producir moitas conversas e moitos momentos de encontro”. O Carreiro do Rollo efectivamente recolle esa combinación nun entorno no que se mestura a tradición e a modernidade, representadas dende un canastro ou un peche de pastas ata unha zona habilitada para cargar os móviles”.


Lembrou a Alcaldesa que a recuperación da zona supón tamén a eliminación dun punto negro recollido no mapa que elaborou a Concellaría de Igualdade xa hai uns anos. O punto negro elimínase coa creación deste espazo aberto e iluminado, que deixa de ser unha zona escura e semiabandonada para converterse nunha nova pequena praza para a veciñanza.


O Concelleiro de Mobilidade, Marcos Troncoso, realizou un percorrido histórico pola importancia do camiño, que entroncaba coa Vereda Real Tui-Salceda-Ponteareas, e que comunicaba tamén co Porriño polo barrio de Altamira. Coa apertura dos novos viais, o carreiro foi quedando en desuso, e nos últimos anos presentaba un aspecto demasiado deteriorado. “O espazo hoxe presenta unha cara moito máis amable e fermosa, e ademais estamos ante unha obra que ven a recuperar parte da historia do noso Concello”, dixo o Concelleiro en referencia ao “rolo xurisdiccional” que todo apunta a que lle dá nome á actual rúa do Rollo e que estaría ubicado no entorno do Carreiro.


Tamén os redactores do proxecto, Carlos Álvarez e Suso Varela (Mun Arquitectura) participaron no acto explicando a solución aportada para o carreiro, e lembrando que non só é unha solución estética, senon que viu a arranxar numerosos problemas de falla de saneamento, recollida de pluviais ou dotación de iluminación, entre outros.


O Equipo de Goberno quixo contar coa veciñanza da zona para a descuberta da placa conmemorativa, que quedou xa exposta no Carreiro coa frase “De lugar de axustizamento a espazo de liberdade. Un carreiro recuperado para todos e todas”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS