domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadeO Porriño estrea a súa Feira do Libro cunha amplia programación

O Porriño estrea a súa Feira do Libro cunha amplia programación

O barrio de San Benito acolle, ata o 12 de maio, esta cita coa lectura cunha nutrida programación con preto de 40 actividades para todos os públicos

O barrio de San Benito acolle desde hoxe e ata o domingo a Feira do Libro do Porriño, unha cita cos libros e coa lectura que se verá enriquecida cunha ampla programación de actividades entre as que destaca a presenza de 30 autores que asinarán as súas obras, preto dunha decena de actividades para o público infantil, presentacións de novidades, actuacións musicais e recitais poéticos.


O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inauguraron o evento acompañados pola secretaria da Federación de Librarías de Galicia, Celia Fernández, o representante das librarías do Porriño, Iván Rey, e as participantes do Club de lectura do
Porriño que, xunto coa súa coordinadora, Ana Abad de Larriva, foron as encargadas de dar o inicio oficial da Feira co seu pregón.


“Os libros teñen o poder de espertar a maxia da nosa imaxinación e de apelarnos sensorialmente; facéndonos vivir moitas vidas. Son arquivos, cápsulas do tempo, para gardar a memoria, para establecer unha ponte entre diferentes lugares e épocas”, reza o pregón do Club de Lectura. “A lectura é a chave que nos abre a porta (…) ao coñecemento sen límites. Pero, sobre todo, ábrenos a mente a reflexións que nos fan ser mellores persoas”, prosigue.

Pola súa banda, Iván Rey Grandal, representante das librarías do Porriño, salienta o labor das librerías e dos libreiros/as que “formamos parte da historia diaria das nosas vilas, tecemos comunidade, enchemos de actividade cultural os barrios, axudamos a formar lectores e lectoras (…). Somos protagonistas dunha historia colectiva, á da literatura en Galicia, e cada ano traballamos para sacar ás rúas parte desa maxia que creamos neses espacios compartidos nestas Feiras do Libro”.


O Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o feito “de que esta cita serve
ademais para ter máis preto aos escritores e escritoras e, especialmente este ano á autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, Luísa Villalta”. O representante autonómico
explicou que estes días o barrio de San Benito vai ser “reclamo moi atractivo” para que a xente se achegue e coñeza de primeira man as creacións máis actuais, a través de todas as actividades que propón, e que converten O Porriño no epicentro do libro e da lectura.


O alcalde, Alejandro Lorenzo, concluíu convidando a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a visitar esta Feira do Libro que “converte a nosa vila nunha enorme libraría na que cada un de nós, como reza o lema deste ano, pode atopar a súa historia. E o que é mellor, compartila”. O rexedor incidiu na necesidade de “sacar os libros ás rúas non só para apoiar aos/as autores/as e amantes da literatura, tamén para respaldar ao sector editorial e ás nosas librarías”. Neste sentido, o alcalde quixo render homenaxe a unha desas librarías que tras décadas de actividade pecha as súas portas, a Libraría Recondo, á que agradeceu “eses 32 anos sendo un referente cultural no Porriño”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS