A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarábase “emocionada, ilusionada e sobre todo moi orgullosa das xogadoras da UD Mos”
Esta tarde celebrouse en A Madroa a presentación da nova sección feminina do RC Celta. O equipo feminino celeste, que será o actual UD Mos Feminino, comezará a xogar a próxima tempada.
Ao acto asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Deportes mosense, Feli Rodríguez, e demais membros do equipo de goberno local do Concello de Mos.
Arévalo, declarou ante os medios de comunicación que “síntome enormemente emocionada ao ser testemuña da presentación do proxecto feminino do RC Celta integrado polas nosas abellas da Unión Deportiva Mos e que comezará a xogar a próxima tempada en Terceira Federación, máis equipos infantil, cadete e filial. Atopámonos ante un feito histórico que, como lembraba a presidenta Marian Mouriño, coincide cando se cumpren 100 anos da unión entre o Fortuna e o Victoria para crear o Celta”. “Agora, en 2024, a unión histórica ten un marcado carácter feminino”, destacou Nidia Arévalo, quen tamén apuntou que “como alcaldesa de Mos vivo este momento máxico chea de afouteza e corazón ante este proxecto tan ilusionante e ambicioso”.
A alcaldesa insistiu en que “con este novo paso damos continuidade ao forte vínculo establecido entre o Celta e Mos: primeiro coa Cidade Deportiva AFOUTEZA, agora co UD Mos Feminino converténdose no Celta Feminino e sendo As Baloutas canteira do Celta Feminino, en nun futuro próximo co vindeiro Galicia Sports 360”.
Nidia Arévalo calificou o momento, ademáis de “histórico”, como un “soño feito realidade” tanto para o deporte mosense en xeral como para as xogadoras do Mos Feminino en particular. Xa que “o máximo ao que pode aspirar unha futbolista da área metropolitana é a xogar no Celta” dixo a rexedora municipal.
E é que esta é unha gran oportunidade para as xogadoras, tanto no que respecta á súa formación, como na oportunidade de dispoñer dos recursos adecuados para loitar polo seu soño: xogar ao fútbol. Por todo elo as xogadoras da UD Mos están a vivir o novo vínculo co clube celeste con enorme emoción, ilusión e orgullo.
Arévalo rematou as súas declaracións cun “sincero agradecemento, un gracias con maiúscula, para o presidente da UD Mos, Pablo Serodio, e para os adestradores das nosas abellas; pola súa xenerosidade infinita a prol do futuro do fútbol feminino de Mos e de toda a Área”.