A deputada do BNG Cristina Fernández defendeu no Parlamento de Galicia unha iniciativa para que a Consellería de Educación acometa as reformas que precisa “con urxencia” o CEIP Nosa Sra. Dos Remedios, en Ponteareas, un edificio construído hai xa 57 anos.
Malia as obras de mantemento que se foron facendo, o colexio sofre un deterioro importante do que, tal e como explicou Fernández Davila, se da conta nos informes que periódicamente fai a dirección. O último deles, do pasado mes de xaneiro, consta de ata 25 páxinas nas que se reflecte “a realidade que asume a comunidade educativa a diario”, como humidades, fugas de calor ou zonas do patio enchoupadas e inaccesibles.
“Tanto o Concello como a Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra son coñecedores dende hai moitos anos desta situación e do avance do declive das instalacións”, denunciou a deputada de Ponteareas, que lamentou o voto en contra dos representantes do Partido Popular ás medidas que o BNG propuxo a través dunha proposición non de lei..
En concreto, Cristina Fernández reclamou á Consellería de Educación que, tal e como ten feito noutros centros de ensinanza do País, realice as obras máis urxentes e necesarias no CEIP Nosa Sra. Dos Remedios de Ponteareas, e planifique a obra de eficiencia enerxética, xunto a actualización do interior dos edificios e unha nova instalación de calefacción máis sostible e limpa.
A iniciativa contra á que votou o PP propuña tamén dotar de accesibilidade ao edificio de Primaria, así como solucionar as deficiencias indicadas no Plan de Autoprotección do centro, que conta cunha matrícula de aproximadamente 400 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria. O BNG reclamou noutro dos puntos da proposta que a Xunta reintegre ao centro o importe da obra feita no ximnasio.