O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, visitou hoxe o Porriño para coñecer de primeira man as necesidades do municipio e establecer vías de colaboración entre ambas administracións
O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, na súa primeira visita institucional ao Concello do Porriño.
López, que firmou no libro de honra da institución, destacou que se trata dunha das primeiras visitas que realiza a un concello como conselleiro da nova área de goberno que pretende visibilizar e poñer en valor a cultura galega, o uso da nosa lingua e impulsar políticas dirixidas a resolver os problemas co que se atopa a mocidade.
“O Porriño é un concello que representa a esa Galicia con empuxe, e por iso é necesario coñecer de primeira man as súas necesidades”, explicou o conselleiro, “coñecemos perfectamente cal é a folla de ruta que ten o Concello do Porriño e son moitos os ámbitos nos que imos traballar conxuntamente”.
O representante autonómico destacou que ademais “unha efeméride importante como é o 150 aniversario do nacemento do arquitecto Antonio Palacios e o centenario da Casa Consistorial será moi relevante a nivel autonómico, xa que se trata dun persoeiro ilustre da arquitectura, do urbanismo e da cultura de Galicia”. Neste sentido López tendeu a man a manter unha colaboración “moi atenta, dinámica e próxima ás necesidades que poida ter O Porriño”.
Sobre a mesa moitas propostas de traballo conxunto a abordar entre ambas administracións, como é a programación conmemorativa do ano “Antonio Palacios, Patrimonio Cultural do Porriño”, a creación do novo auditorio ou a proxección dun Cine Municipal, entre outras.
Pola súa banda, o alcalde quixo agradecer ao conselleiro a súa disposición a reforzar a colaboración co Porriño. “Todas as áreas que representa son de vital importancia para o noso Concello e en todas elas temos proxectos e iniciativas que, estou seguro, contarán coa colaboración da Xunta de Galicia. Coa súa axuda seguiremos facendo do Porriño un referente cultural”.