Inclúen á visita ás igrexas parroquiais de Malvas e Pexegueiro, ás esculturas de Rai e á empresa Trigo y Limpio
Dobre proposta esta fin de semana en Tui dentro das Rutas de Natureza que organiza o Concello de Tui. A actividade centrarase no percorrido, en dúas etapas, pola senda do río Furnia, recuperada o ano pasado polo Obradoiro de Emprego, e incluirá visitas ás igrexas de Malvas e Pexegueiro, a diferentes elementos etnográficos, así coma ao taller do escultor Rai Martínez e á empresa Trigo y Limpio. Os percorridos serán conducidos por Cristian Lago, guía intérprete do patrimonio.
Así este sábado, ás 10 h, sairá da igrexa de Malvas a primeira das andainas. Comezará precisamente visitando este templo do século XVIII, que foi reconstruído sobre a anterior igrexa románica. A partir de aí comezará o percorrido pola Senda do Furnia, onde se poderá gozar da natureza e dos distintos elementos etnográficos coma muíños ou un aserradoiro. Está prevista tamén a visitar ao taller do escultor Rai Martínez, que convidará aos asistentes a un viño galego e uns petiscos, para regresar ao punto de partida.
O domingo, ás 10 h, a cita será na igrexa de Pexegueiro, un templo románico no que destacan os capiteis historiados, o tímpano e os cinco retablos barrocos do interior. A ruta proseguirá xa pola senda do Furnia visitando a ponte do Mosteiro, e o camiño real. Está prevista tamén a visita á empresa Trigo y Limpio dedicada á produción ecolóxica de trigo callobre e á elaboración artesanal de fariña.
A participación nas visitas é totalmente gratuíta. As persoas interesadas deben estar o sábado ás 10 h na igrexa de Malvas e o domingo ás 10 h na igrexa de Pexegueiro.