Alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras da zona fixeron un balance dos
primeiros pasos que se están a dar para levar a cabo iniciativas relacionadas coa transición verde e dixital e coa competitividade
‘A despensa de Galicia’ do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue avanzando con paso firme. Alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 14 municipios do territorio que forman parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui) mantiveron un encontro este martes en Mos para facer balance do estado de execución das primeiras accións postas en marcha ao abeiro deste plan que busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía.
Durante o encontro, os representantes municipais revisaron o avance de varios proxectos da ‘Despensa de Galicia’ con accións en diferentes concellos do territorio. Neste camiño, dentro do Plan de Sinalización Intelixente de Recursos Enogastronómicos do Destino desenvolverase un inventario exhaustivo dos recursos enogastronómicos do territorio, coa intención de desenvolver accións asociadas co obxectivo de crear unha base de datos xeoreferenciada de recursos turísticos. Esta base de datos servirá de punto de partida para proxectos futuros, incluíndo a creación dunha rede de miradoiros, de rutas cicloturistas e a homologación de rutas de sendeirismo en contornas enogastronómicos do territorio.
Ao abeiro do proxecto de creación de contidos dixitais vinculados coa enogastronomía, desenvolverase unha estratexia de marca do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para a creación de contidos dixitais interactivos que permitan reforzar a promoción turística e o posicionamento do territorio. “Xa estamos vendo como os nosos esforzos están a dar froitos tanxibles no territorio con proxectos que promoven a nosa rica cultura enogastronómica pero que tamén abren novas oportunidades para o turismo sostible e o desenvolvemento económico do Xeodestino”, destacou a presidenta de EuRural, Sandra González.
Xunto con estas iniciativas xa en execución, está en fase inicial o plan de xestión de residuos en festas gastronómicas de interese turístico, que busca desenvolver un plan integral na totalidade do territorio e co que se desenvolverá unha proba piloto en cada un dos concellos seleccionando unha das festas de interese turístico ou gastronómico que realicen.
Durante o encontro, ademais de repasar os proxectos en marcha,tamén abordaron unha nova iniciativa de EuRural coa que busca liderar a solicitude da candidatura dunha Reserva da Biosfera transfronteiriza, unha proposta conxunta que incluiría a todos os concellos do territorio e aos municipios portugueses da ribeira do Miño. O obxectivo sería impulsar o desenvolvemento económico sostible do territorio, conciliando coa conservación do seu patrimonio natural e cultural.