“Que mellor maridaxe que a excelencia dos viños do Ribeiro e a fermosura da nosa vila”. Esta é a mensaxe que o alcalde de Ribadavia, César Fernández, envía a toda a veciñanza e, sobre todo, visitantes de toda Galicia e de fóra para acudir dende hoxe e ata o domingo a esta localidade ourensá.
“Temos a mellor das combinacións, viño e gastronomía, porque precisamente este ano unha das novidades é a disposición dunha zona gastronómica, cun restaurante con capacidade para 150 comensais e un espazo de tapeo, con patrimonio histórico e arquitectónico”, remarca o rexedor local que presidirá hoxe, ás 19.00 horas, o acto de inauguración da 61ª edición da Feira do Ribeiro ao que está previsto que asistan os conselleiros do Medio Rural, María José Gómez, e de Emprego, Comercio e Emigración, José González. Será no recinto da Alameda, cando se proceda á lectura do pregón a cargo de Celso Rodríguez Padrón, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.
Este ano participarán un total de 36 adegas e colleiteiros. Entre as principais actividades destacan a cata popular, os showcookings e catas comentadas con cociñeiros e catadores de recoñecido prestixio, RibeiroBUS (roteiros turísticos nun autobús antigo polos viñedos e patrimonio do Ribeiro), actuacións musicais, zona infantil, Botella Xigante e visitas guiadas ao castelo e ao Museo do Viño de Galicia.
Coñece tódalas actividades programadas na páxina web da feira: feiravinoribeiro.com