O turismo galego continúa consolidando a súa desestacionalización, como demostran os resultados feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que indican que nos tres primeiros meses do ano, Galicia acadou máis de 822.000 viaxeiros aloxados e preto de 1,5 millóns de noites no conxunto do aloxamento turístico.
Isto supón que o nivel de demanda rexistrado -medido polo número de noites- supera nun 12% a cifra do primeiro trimestre de 2023, e mellora as cifras prepandemia. Ademais, por vez primeira Galicia supera a barreira de 1,4 millóns de noites neste primeiro trimestre.