Porremprego Cualifica II forma a 10 persoas desempregadas na implantación de tecnoloxías da información e comunicación e en economía dixital na administración
Os/as dez alumnos/as traballadores/as do obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica II” avanzan na súa formación en “Implantación de Tecnoloxías da Información e Comunicación e a Economía Dixital na Administración” coa creación do arquivo dixital municipal.
Para a posta en marcha deste programa dual de formación e emprego impulsado polo Concello do Porriño, a administración local recibiu unha achega de 531.000 euros da Xunta de Galicia, á cal se suman 25.000 euros de aportación municipal e 30.000 euros fondos autonómicos para incentivos para a contratación unha vez finalizada a formación.
O alumnado/traballador foi contratado polo Concello o pasado mes de decembro, cando empezou a formación de 1.920 horas, incluindo teoría e práctica. Durante este periodo acadarán os certificados de profesionalidade de “Gravación de Datos e Documentos I” e de
“Actividades Administrativas en Relación ao Cliente II”. Adquirirán os coñecementos necesarios, mediante a realización de tarefas que responderán á prestación dun servicio real, con formadores específicos, e titorizados pola docente do Obradoiro de Emprego Miriam Sánchez e polos propios traballadores do Concello. Entre as súas funcións asignadas, salientan o tratamento de textos, datos e documentos, recompilación de expedientes administrativos e dixitalización.
Este programa é moi valorado polos participantes, coma no caso de Héctor Antonio Pereira
Durán, que admite estar facendo este curso «para nun futuro abrir o seu propio taller de
electromecánica e poder executar ou supervisar a parte administrativa». Pola súa banda,
Yolanda López, outra estudiante-traballadora, salienta “o estupendo ambiente laboral que hai entre nós, que encaixamos perfectamente, aínda que somos todos de rangos de idades e perfís completamente distintos. Facemos un moi bo equipo!”. E Nuria Barroso salienta “o apoio e a axuda do persoal do Concello para a dixitalización dos expedientes”.
“Dende a Concellería de Emprego, estamos moi contentos co desenvolvemento deste programa formativo que, ademais presta un servizo real e moi demandado no Concello”, apunta Rosario Costas, Concelleira de Emprego, e engade que “é un programa no que gañamos todos, os alumnos que aprenden e adquiren experiencia laboral práctica e real neste ámbito, e a Administración do Concello, que está a avanzar na súa dixitalización a pasos axigantados”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, engadiu que “co seu traballo contribuirán a mellorar os servizos municipais, desenvolvendo un valioso traballo de xestión e documentación e arquivos, que facilitará a xestión diaria nos diferentes departamentos municipais”. O rexedor concluíu agradecéndolles a “implicación e a profesionalidade coa que están a levar a cabo as súas funcións”.