O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon en valor “a constante e continua” aposta da Xunta pola mellora das infraestruturas educativas
No caso do CEIP Marquesa Pazo da Mercé haberá unha primeira actuación de renovación de ventás e, posteriormente, acometerase unha rehabilitación integral
No IES procederase á substitución do sistema de calefacción actual por un de biomasa
A Xunta de Galicia vai inxectar máis de un millón de euros na mellora do Colexio CEIP Marquesa Pazo da Mercé e do Instituto IES Pazo da Mercé nas Neves. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou esta mañá ambos centros para dar conta das actuacións que o seu departamento vai levar a cabo no que cualificou como “a constate e continua aposta deste Goberno” pola mellora das infraestruturas educativas en Galicia nos últimos anos ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
Ventás de aluminio
No caso do Colexio Marquesa Pazo da Mercé, a Consellería vai proceder á substitución das ventás do centro, para o cal destina un orzamento de 444.000 euros. Nestes momentos, tal e como explicou o titular de Educación, o proxecto atópase en fase de licitación. As novas carpinterías que se instalarán serán de aluminio natural con rotura de ponte térmica e apertura oscilobatente e con caixas de persiana compactas. No caso daquelas que se atopen a unha altura que non permita a súa fácil apertura, as xanelas que se instalen serán motorizadas.
A maiores desta obra, Román Rodríguez tamén avanzou que se está redactando un proxecto de rehabilitación integral do colexio con actuacións na cuberta e na envolvente do edificio que suporá completar “a mellora de confort térmico” desta infraestrutura. Á falta de coñecer o proxecto definitivo onde se concretarán todos os detalles, o titular de Educación adiantou que esta outra actuación ten un orzamento estimado previsto de 450.000 euros.
Biomasa
Logo de visitar o colexio das Neves, Román Rodríguez desprazouse ao Instituto IES Pazo
da Mercé, onde tamén deu conta dunha actuación por un importe de 302.000 euros, en
licitación nestes momentos, para cambiar o sistema de calefacción actual por outro de
biomasa.
Neste caso procederase a adecuar un espazo do semisoto do instituto para instalar nel a sala de caldeiras, o silo de pellets e un almacén. Así mesmo, acometeranse novas redes hidráulicas para conectar as redes xerais de calefacción dos edificios coa nova sala de caldeiras.