martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsActualidadeA charanga salcedense 'SGHAE' competirá esta fin de semana no festival de...

A charanga salcedense ‘SGHAE’ competirá esta fin de semana no festival de charangas de Poza de la Sal

A agrupación salcedense representará a Galicia no Festival con máis prestixio de España.

A Charanga SGHAE competirá esta fin de semana no X Festival Nacional de Charangas de Poza de la Sal, Burgos, considerado o campionato de charangas con máis prestixio de España. O Festival contará coa participación de 12 charangas de toda a xeografía española, sendo a charanga salcedense a encargada de representar a Galiza.


O Concello burgalés de Poza de la Sal conta cunha gran tradición musical, sendo considerado como o concello mais pequeno de Europa con Banda de Música. Debido a esta tradición xurdiu hai 10 anos a idea de organizar un Festival de Charangas a nivel nacional. Un festival que ofreza ás mellores charangas de cada Comunidade Autónoma a posibilidade de reunirse nun lugar especial para mostrar a súa música, estilo, coreografías, animación e capacidade de divertir ao público, comprobando ademais como a mesma peza musical sona
diferente segundo a rexión na que se interprete.


A agrupación salcedense conta xa con 13 anos de historia, sendo fundada no 2011 por nove músicos do Concello de Salceda integrantes da Banda Cultural, na procura de novas modalidades coas que gozar da súa paixón pola música, creando así unha nova formación coa que divertirse e facer divertir ao público.


Ao longo dos seus anos de traxectoria, foron adaptando o seu repertorio, incorporando os temas máis actuais, sen esquecerse dos estilos máis clásicos das charangas. Participan en moitas festas e festivais por toda a xeografía galega e do norte de Portugal, onde a formación conta cunha gran aceptación.


Dende o ano 2022, a Charanga SGHAE organiza coa colaboración do Concello o Concurso Galego de Charangas, co obxectivo de converterse tamén nun festival referencia na península.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS