O motivo do peche é debido ao inicio da segunda fase das obras de reforma
A praza de abastos de Tui pechará a partir do próximo luns, 6 de maio, debido ao inicio da segunda fase das obras de reforma que se están a executar e que supoñen un investimento de 1,3 millóns de euros. Na reunión entre o goberno municipal e os e as praceiras acordaron que por motivos de seguridade, tanto para os propios vendedores coma para compradores, cesará a actividade na praza durante aproximadamente catro semanas.
As obras que se están executando van a moi bo ritmo e supoñen a modernización e actualización destas instalacións. Xa dende o exterior pódese ver a importante transformación e modernización que está a acometer no edificio que redundará na mellora da competitividade, da experiencia de compra, da eficiencia enerxética, produtividade, accesibilidade e sumarán un novo atractivo á zona.
Cómpre lembrar que previo ao inicio da execución deste proxecto de reforma, por parte da empresa Plaintec, o concello asumiu a recolocación de todos os praceiros nun espazo interior da praza de abastos planificando a obra en dúas fases para minimizar ao máximo posible a afección na actividade dos praceiros e praceiras. Nesta recta final, por motivos de seguridade, coma se sinalou, é preciso parar a actividade comercial na praza durante catro semanas.