240 estudantes de 2º da ESO do Porriño asisten a obradoiros de educación sexual
Hoxe tivo lugar a derradeira xornada de educación enfocadas a enfermidades de transmisión sexual (E.T.S) destinada a estudiantes de 2º da ESO do Porriño. Estas formacións, están impulsadas pola Concellería de Sanidade no marco de Plan de Saúde Local e a OMIX do Porriño, e contan coa colaboración do Centro de Saúde.
O obxectivo xeral é proporcionar información específica, promover actitudes positivas cara á sexualidade e ás condutas sexuais e dotar á mocidade de recursos e habilidades para afrontar situacións de risco e vivir relacións saudables, seguras e satisfactorias.
Estos obradoiros de hora e media de duración foron xa impartidos nos centros CPR Santo Tomás e CPR Hermanos Quiroga o 23 de abril, e no IES Pino Manso o pasado día 26. Hoxe foron os alumnos/as do IES Ribeira do Louro os que recibiron esta formación, chegando así a un total de 240 mozos/as do Porriño.
Lonxe de desaparecer, as Enfermidades de Transmisión Sexual (ETS) continúan aumentando en España, segundo os datos do 2022 recollidos nun informe do Centro Europeo para el Control y Prevención de Enfermedades (ECDC), presentados o pasado 7 de marzo. “Calquera ETS non detectada nin tratada ao seu debido tempo pode complicarse e deixar graves secuelas dependendo do tipo de bacteria ou virus que a provoque, polo que é fundamental informar á nosa mocidade de a que se poden enfrontar chegado o caso”, sinala dona Teresa Veloso, Concelleira de Sanidade do Concello do Porriño.
O doutor Gonzalo Magdaleno, do Centro de Saúde do Porriño, foi o encargado de impartir estes obradoiros de ETS e comparte que “precisamente van dirixidos a mocidade de 13 e 14 anos porque é cando se inician nas relacións sexuais”. Magdaleno fai fincapé no “uso do preservativo como único método seguro de prevención” e salienta que cada día son diagnosticadas máis dun millón de ETS no mundo, segundo os datos da OMS.
Con esta actividade de hoxe dáse por concluída a parte de formación do programa dirixido a centros educativos que impulsa a Concellería de Sanidade. En total máis de mil estudiantes de Educación Primaria, Educación Secundaria e Educación Especial do Porriño recibiron formación neste curso en materias de hixiene dental, alimentación saudable e
enfermidades de transmisión sexual. Asimesmo, o profesorado dos centros educativos foron formados en primeiros auxilios.