Desde febreiro deste ano é un dos 156 Concellos Emprendedores de Galicia, e un dos 25 que hai na provincia de Pontevedra
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe a adhesión do Porriño á Rede de Concello Emprendedor. Foi nun acto que se desenvolveu na casa consistorial e que contou tamén coa presencia do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a directora do IGAPE, Covadonga Toca, e unha nutrida representación do tecido empresarial do municipio.
O Porriño conta desde febreiro deste ano con esta distinción, sendo un dos 156 Concellos Emprendedores de Galicia, e un dos 25 que hai na provincia de Pontevedra. Esta condición outorga preferencia á hora de optar a ordes de axuda da Xunta de Galicia que teñan que ver coa industria, o comercio ou o impulso ao emprego, entre outras. Se se trata de convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro asentadas nun espazo específico, que no baremo de puntuación, supoña entre o 5% e o 10% do total.
Por outra banda, con respecto dos compromisos que adquire O Porriño como Concello
Emprendedor son, entre outros: resolver as licenzas de obra no prazo máximo de 30
días naturais, unha vez que se dispoña de toda a documentación e informes; establecer bonificacións aos presos das parcelas de titularidade municipal; ofrecer ás empresas a posibilidade de acudir ao dereito de superficie; dar tramitación urxente aos procedementos relacionados coas iniciativas empresariais prioritarias; e aprobar bonificacións fiscais de ata o 95% en impostos municipais como sono IBI, o IAE e o ICIO.
En palabras de Lorenzana, pertencer a esta rede supón un compromiso por parte do Concello e da Xunta por impulsar a axilización administrativa. Nese sentido, salientou que a Administración autonómica está traballando a través da Oficina Económica do Igape en axilizar os trámites para calquera empresa. Tamén en fomentar a implantación de nova industria co plan de aceleración de proxectos industriais estratéxicos, que compromete un prazo de tramitación de menos dun ano. E, en terceiro lugar, en poñer solo industrial de maneira áxil para todas as empresas.
A conselleira concluíu convidando ao resto de concellos galegos que aínda non o fixeron, a sumarse á rede de Concellos Emprendedores. “Ese pacto pola industria e a enerxía que o presidente Rueda ofreceu a todos os partidos e administracións pódese facer realidade dando pasos coma este, onde todos teñamos claro que para continuar avanzando na industria e no emprego é necesario a colaboración entre administracións e a colaboración público-privada”, remarcou.
Pola súa banda, o alcalde destacou a importancia deste fito para O Porriño “era algo moi necesario para este Concello, para o seu tecido industrial e empresarial e para a veciñanza en xeral”. “Aínda que somos o Concello cos impostos máis baixos de toda Galicia, nós non apostamos por subir os impostos senón por bonificalos. E é unha aposta que temos claro que queremos facer polo desenvolvemento, polo emprendemento e pola xeración de emprego”, continuou Lorenzo, “Ninguén podía entender que O Porriño non fora un Concello emprendedor, contando con máis de 2200 empresas, 3,5 M de metros cadrados de solo industrial, catro polígonos industriais ocupados ao 100% , outros tres parciais ocupados ao 100% e un ao 50%, e o PIB máis alto de toda a provincia de Pontevedra. Somos un pulmón da industria de Galicia”. O rexedor concluíu agradecendo á Xunta de Galicia a súa man tendida a colaborar e aos empresarios e empresarias dos polígonos que fan do Porriño o gran polo industrial do sur de Galicia.