A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública,
Camilo Grandal, e a edil da parroquia de Dornelas, Sara Cebreiro, reuníronse sobre esta vía
provincial no Concello de Mos coa deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e
Contratación, María Isabel Couselo Torres, e informaron de que o proxecto atópase moi avanzado
A reunión realizada no día de hoxe tiña como foco diferentes temas e proxectos de interese para o municipio. Entre eles atópanse a mellora da Estrada Provincial Puxeiros-Mos en xeral e o tramo que transcorre por Dornelas en particular, a estrada Puxeiros-Peinador e a zona do Alto de Puxeiros nun tramo pertencente á estrada Mos-Puxeiros. A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, visitou o Concello de Mos para analizar a situación das estradas provinciais ao seu paso pola vila.
Entre outras cuestións, a deputada analizou coa rexedora local o proxecto de mellora da
seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros, á altura de Dornelas, no que a institución provincial investirá máis dun millón de euros
A actuación en Dornelas, tal e como remarcou a deputada, trátase dunha obra que se vai
acometer de “xeito inminente”. O proxecto atópase moi avanzado, segundo informou Couselo.
Nestes momentos, o Concello de Mos está a ultimar termos relacionados cos terreos, e neste senso a alcaldesa Nidia Arévalo, declarou que “hai moitos anos que a estrada Puxeiros-Mos é unha das máximas prioridades para a administración local mosense. Fai dous meses que nos reunimos sobre ela e, máis concretamente sobre o tramo que transcorre por esta parroquia, coa veciñanza de Dornelas; e imos reunirnos de novo agora o vindeiro día 29 de abril co proxecto xa na man”.
Ademais da EP-2601 Mos-Puxeiros, á altura de Dornelas, a deputada provincial e a alcaldesa de Mos analizaron outros dous proxectos que se van acometer en dúas estradas provinciais ao seu paso pola localidade: a reparación de beirarrúas nun tramo de 600 metros da EP-2603 Puxeiros-Peinador e a mellora da mobilidade peonil nun tramo de 200 metros da EP-2601 Mos-Puxeiros.