O prazo de solicitude está aberto até o 15 de outubro
Até o 15 de outubro está aberto o prazo para solicitar as bolsas a deportistas tudenses que participaron neste ano 2024 en competicións federadas de ámbito internacional convocadas polo Concello de Tui.
O pasado venres, 22 de abril, publicouse un extracto das bases no BOPPO da Deputación de Pontevedra, podendo consultarse as bases completas na web municipal.
O Concello de Tui destina unha partida de 10.000€, ao igual que en anos anteriores, a estas bolsas co fin de facilitar aos e ás deportistas tudenses a práctica deportiva e a súa participación nas súas competicións internacionais. Deste xeito valórase a súa especial dedicación ao deporte e, á súa vez, á difusión que realizan da Cidade de Tui en aqueles eventos deportivos de carácter internacional.
O prazo para presentar a solicitude – no modelo recollido na web municipal –
xunto coa documentación requirida, está aberto até o 15 de outubro, a través da
sede electrónica do Concello de Tui.
No ano 2023 foron dezaseis os deportistas tudenses que recibiron estas bolsas:
as padeeiras Lara Feijóo, Cristina Soutelo, Tania Fernández, Irea Alonso e Nuria
Romero, os padeeiros Iván Alonso, Pedro Vázquez, Matías Valentín Otero, Manuel Garrido, Enrique Míguez e David Moroño, a remeira Carlota González, o remeiro Jesús González, o judoca Avelino Martínez, o ciclista David Fernández, e o copiloto de rallies, Daniel González.
As bases e o modelo de solicitude están dispoñibles na web municipal www.tui.gal.