O Goberno galego investirá máis de 7,5 millóns de euros na retirada e tratamento dos residuos da fabricación de lindano presentes na zona de Contrasto, no concello do Porriño.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo este venres un encontro co alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, e con outros representantes do Goberno local na que lles trasladou que as actuacións previas ás obras de escavación e extracción deste residuo comezarán a vindeira semana, mentres que os labores para a súa retirada arrincarán a comezos do verán.
O obxectivo é sanear esta zona eliminando a presenza de lindano, un dos praguicidas máis empregados na segunda metade do século pasado tanto para fins agrícolas como non agrícolas e que está incluído no Convenio de Estocolmo para a eliminación mundial dos contaminantes orgánicos persistentes. Neste sentido, trátase dun residuo que non se degrada co paso do tempo polo que se aconsella a súa retirada e posterior tratamento para evitar efectos negativos nos organismos vivos.
Tralos traballos previos previstos nas vindeiras semanas, a principios do verán comezarán as actuacións de retirada do lindano e o seu traslado a unha instalación de valorización intermedia. Para elo escavarase o firme existente ata unha profundidade de entre 0,5 e 3 metros e retirarase todo o material no que se ten constatada a presenza deste residuo, dado que é un elemento indisoluble.
Unha vez completadas estas actuacións na contorna, reporanse o firme e os servizos de alumeado, telefonía, electricidade, saneamento, abastecemento e outros que puidesen verse afectados polas obras de escavación. En canto ao acceso ás vivendas, estará garantido en todo momento con itinerarios alternativos.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez: