O Goberno, a través da ministra Teresa Ribera, banalizou coa petición de axuda de Galicia para atallar a contaminación do Toconao, que xa afecta a varias comunidades, e negou a posibilidade de que se poidan usar medios submarinos para baixar aos contedores que desprendeu o barco.
Ademais, a ministra referiuse ao lugar da caída dos contedores como de “a dous mil ou tres mil metros de profundidade” sen dar a coñecer o punto exacto nin a profundidade exacta dese punto no Océano Atlántico.
Noutros incidentes destas características en todo o mundo baixouse aos pecios con medios submarinos, mesmo alcanzado preto dos 4.000 metros de profundidade. En Galicia baixouse no Prestige fai máis de vinte anos, preto dos 4.000 metros.
Ademais, a tamén vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cualificou este xoves no Fórum Europa de “carta aos Reis Magos” os medios solicitados pola Xunta de Galicia ao Estado para recoller péllets no mar ou evitar que cheguen á costa e reiterou que a xestión debe facerse nas praias. Así se expresou no encontro informativo organizado por Nova Economía Fórum en Madrid, no que foi presentada pola vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero.
Tamén asistiron os ministros do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Ribera mostrouse “sorprendida” de que a Xunta solicitase ao Goberno 11 embarcacións, dous helicópteros, un retén suficiente de persoal en terra, formación básica de voluntariado e un ROVComanche (robot submarino) para selar o colector do que saen os gránulos de plástico